Grande Amore, ou o que vén sendo o proxecto formado por Nuno Pico, Clara Redondo e mariagrep, chegará ao FIV para deleitarnos con II, o seu segundo álbum. 10 temas que non deixarán indiferente a ninguén, confirmando o salto de Grande Amore como artista.
A proposta electrónica de Grande Amore en ‘II’ abárcao todo. Rock industrial, punk, black metal… É inviable poñerlle unha soa etiqueta, todas quedan curtas. Tampouco pode compararse a nada, Grande Amore é único. Divírtese. Xoga co rock, as caixas de ritmos, os sintetizadores, pon a bailar ás guitarras… E cántalle á vida, que se converte en costumismo cotián, pero que non é outra cousa que hastío xeral. A rutina de estar cansos, de non poder máis. Toda esa rabia e ese malestar son a semente coa que rebusca no público a quen representa, que grita con el, facéndolles tolear, sen poder parar de saltar.
Grande Amore converteuse en poucos anos nun referente do panorama musical galego, traspasando fronteiras e levando este fenómeno a festivais e outras salas da península.