22-23-24 ABRIL

22-23-24 ABRIL

O FIV de Vilalba completa a súa 14 edición cun novo formato que vén para quedarse

  • Tres xornadas nas que o público redescubriu un novo formato do FIV coa apertura dun recinto máis grande acompañado dunha banda sonora excepcional e numerosas actividades
  • O Concello celebra este novo formato que vén para quedarse e prevé celebrar a 15 edición do FIV de Vilalba a finais de abril do 2022
  • Os comerciantes e hostaleiros de Vilalba xunto co Concello pretenden manter a campaña #EuSonFIV para o vindeiro ano

Ao redor dun milleiro de persoas asistiron á estrea dun novo FIV de Vilalba esta fin de semana. Sabían que acudirían a un dos seus festivais de cabeceira e máis esperados, a reecontrarse con amigos, coa música en directo, pero non podían imaxinar a sensación de vivir tres xornadas así. Unha nova edición que resulta xa inesquecible para as persoas afortunadas que tiveron a sorte de ser parte da apertura dese novo escenario ubicado nun recinto máis grande, do escenario emerxente, actividades para os máis pequenos…

Porque edicións coma esta só hai unha, e que se desenvolva por encima das expectativas expostas non adoita ser habitual, pero así sucedeu no FIV 2021. O festival que naceu baixo o amparo das Festas Patronais de Vilalba, foi adaptándose tras máis dunha década de historia ata converterse nun referente do calendario festivaleiro nacional, e esta nova edición, a 14, viu marcada non só polos protocolos sanitarios, senón tamén polas sensacións dos asistentes, e estas foron, finalmente, inmellorables.

Un público que tivo a oportunidade de volver sentir a maxia de Vilalba e un pobo que desexaba volver tinguirse de fucsia trala cancelación do festival no 2020. Unha vila que da man dos comerciantes e hostaleiros decidiu xunto ao Concello lanzar unha campaña de reactivación do comercio e hostalaería al longo da fin de semana baixo o lema #EuSonFIV na que ao redor de medio centenar de establecementos ofrecían diferentes descontos a todos aqueles que acreditaran ser público do festival.

Un recordo indeleble que tivo como banda sonora as actuacións de máis de dez bandas de gran proxección nacional Xoel López, Novedades Carminha, Zahara, La Bien Querida, Melenas, Ortiga, Dani, Momboi, Petit Pop, Magical Colors, Begun Dj Set, Rapariga Dj e a Banda de Música de Vilalba… en dous escenarios da vila, o Escenario FIV, situado no Campo da feira, e o Escenario Emerxente, na Praza da Constitución, que se trasladou ao Auditoro Municipal polas inclemencias meteorolóxicas. O recordo desta primeira edición, incluíu tamén a proxección do documental Paco Loco: viva el noise no Auditorio Municipal o sábado pola mañá e actividades para os máis pequenos co concerto de Petit Pop.

O único que non podía prever a organización do festival foi a actitude do público asistente. Persoas con moitas ganas de gozar dunha nova edición do FIV de Vilalba. Persoas comprometidas ademais coas circunstancias actuais, pois se cumpriu co esixente protocolo sanitario sen incidentes.

FIV 2021 durou tres días, pero para poder explicar as sensacións tras esta vivencia farían falta máis. Unha vila que reforzou notablemente a súa imaxe turística. Algo que é posible desenvolver grazas ao compromiso e ao apoio de ao redor de 1000 persoas, máis de 50 traballadores dos cales o 70% foron contratos locais directos e máis de 20 empresas contratadas. Apoio de Deputación de Lugo, do grupo Entrepinares, unha empresa familiar do sector agroalimentario, Gadis e a colaboración de Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas.

A expectativa xerada a nivel comunicativo nada máis esgotar os preto de 1000 abonos en menos de dous días fixo que esta edición se superaran as máis de 100 inserccións en medios autonómicos: prensa, radio, televisión…

Agora que a decimocuarta edición do FIV de Vilalba xa é un recordo cargado de sensacións na retina, a ilusión está posta en abril de 2022, na que se pretende manter o formato creado para este ano.