- Celebrará a súa quinceava edición do 22 ao 24 de abril en Vilalba
Vilalba, a 10 de febreiro de 2022.- O FIV de Vilalba 2022 anunciou as súas datas de celebración. Deste xeito, o festival celebrará a súa quinceava edición do 22 ao 24 de abril, contando unha vez máis co centro de Vilalba como epicentro do festival e punto de encontro dos asistentes que esperaban a volta do festival á súa orixe, a ser o evento que daba inicio á tempada de festivais. O festival anuncia tamén a consolidación dos escenarios situados na Praza da Constitución e no Campo da Feira onde haberá actuacións e actividades ao longo de toda a fin de semana.
O FIV de Vilalba conta ademais cun público fiel en cada unha das súas edicións, e vese como unha proposta cultural accesible para un público de case calquera idade. Esta edición volve conxugar a esencia do propio FIV marcada polos mellores artistas do panorama indie nacional, concertos xa consolidados como o da Banda Municipal de Música de Vilalba ou FIV Kids, un espazo para os pequenos e as pequenas da casa, con outras novidades.
O FIV, xunto ao Concello de Vilalba, dará nesta edición continuidade á programación paralela do festival, aproveitando distintos espazos da localidade, dinamizando e ampliando a actividade na vila. Actividades alternativas, aderezadas coa mellor música indie do panorama nacional, e coa posibilidade de combinalo todo coa oferta gastronómica local. Un novo FIV que volve destacar nesta 15ª edición a importancia e o protagonismo de Vilalba.
Proximamente ampliarase información sobre as actividades paralelas do festival.