25 e 26 de ABRIL de 2025

Galician Army é facer trending topic un casete. É lembrar para ser lembrados. Eles son Praaa e Vallejo; ou Alberto e Sergio. As súas producións musicais pertencen a un son electrónico experimental, co uso de sintetizadores que favorecen un estilo máis retro, especialmente dos anos 80. Algúns dos seus principais referentes musicais son Daft Punk, Vangelis, Pet Shop Boys ou Hans Zimmer. Os mozos galegos coñecéronse no 2016 unidos por unha idea musical ambiciosa e orixinal.

En poucos meses deron o seu primeiro show xuntos diante de 3.000 persoas e os medios nacionais e internacionais comezaron a recoñecer o seu traballo en varias publicacións.

Tras sete anos de traxectoria conxunta, Galician Army, no 2023 presentaron o seu álbum debut NÓS (Esmerarte), un conxunto de oito remesturas de singles de artistas galegos entre os que figuran Iván Ferreiro, Xoel López ou Luar Na Lubre. Co primeiro adianto, LA ESPINA DE LA FLOR EN TU COSTADO-III, o dúo conseguiu meterse en varias playlists en plataformas de streaming que van desde os 300.000 ata o millón de seguidores, chegando a aumentar os seus oíntes mensuais nun 450%.

Galician Army ten un as na manga e amósanos o seu brillante xogo que toca distintos estilos da electrónica tales como o synth pop e o house dos anos 2000.