The Rapants é talento, actitude e diversión. Nacida en Muros (A Coruña) no 2018, a banda do momento na escena galega surfea entre o pop, o garage e o disco cun directo “sen descanso”, coa intención de facer bailar, sen prexuízos, ao público. A adrenalina que desprenden durante os seus concertos é, precisamente, unha das grandes bazas e clave do éxito do cuarteto, que no 2024 levaron a súa enerxía “rapante” a 40 escenarios diferentes de toda a Península Ibérica.
Este 2025 continúan presentando en directo o seu último disco, A máquina do bo rollo (2024), un álbum con melodías de herdanza disco, rock e mesmo hip hop. Nove cancións tristes para corazóns de after que nacen do ritmo frenético que caracteriza á banda.
En definitiva, unha múltiple variedade estilística ao servizo do público, do baile e, como reza o seu propio nome, do bo rollo.