26 e 27 de ABRIL 2024

26 e 27 de ABRIL 2024

Despois da desaparición das últimas bandas existentes en Vilalba nos anos da guerra civil, pásase nesta vila de grande tradición musical por unha época de seca ata que no ano 1987 o Concello, encabezado polo que daquela era o alcalde José María García Leira, decide crear unha escola de música da que máis tarde xurdirá a nova Banda de Música de Vilalba.

Tras varios anos de clases de linguaxe musical e despois de que o Concello mercase os instrumentos, ten lugar na Semana Santa de 1990 a primeira actuación da banda e o 14 de abril de 1991 a súa presentación oficial, constituíndose xa como Asociación Cultural.

Nestes xa 20 anos de existencia, foron varios os directores que estiveron a cargo da mesma. O primeiro deles foi Xosé Guntín Currás, persoa moi vinculada ás actividades musicais da Terra Cha.

En 1993, colle a batuta Xosé Rodríguez Ramos, por aquel entón trompetista na Banda Municipal de A Coruña e mestre no Conservatorio Municipal de Vilalba.

Actualmente e dende o ano 1995 dirixe esta banda César Concheiro Guerrico, mestre de frauta no Conservatorio Superior de A Coruña.

A andaina desta asociación pasa por actuacións en toda a xeografía galega, Asturias, León e Portugal ben sexa mediante intercambios con outras bandas, contratacións por distintos concellos e circuítos culturais patrocinados pola Xunta de Galicia, as deputacións provinciais, a Federación Galega de Bandas de Música Populares ou o Concello de Vilalba.

Entre as actuación destacan as ofrecidas na Televisión de Galicia, Radio Galega e Televisión Española en Galicia así como as dúas gravacións editadas, unha no ano 1995 e a última no ano 2001 con motivo do X Aniversario desta Asociación.

A finalidade principal desta asociación pasa pola difusión e promoción da música, neste caso da música de bandas tan tradicional no noso país, para o que contan coa axuda do Concello de Vilalba